As redes sociais, ferramentas de dobre fío en Internet

mércores, 8 de abril do 2009 Raquel Noya

As redes sociais, un tema que está dando moito que falar últimamente na nosa web (sen ir máis lonxe hoxe mesmo), foron gañando o seu lugar en Internet dunha maneira vertixinosa, convertíndose nunha ferramenta practicamente imprescindible na socialización dos internautas máis fieis aos seus costumes.
Estas aplicacións, tan empregadas polos mozos e mozas que naceron cun ordenador debaixo do brazo (e co móbil debaixo do outro), funcionan a modo de lugares para encontros humanos que case sempre substitúen aos físicos pero poden chegar a ser unha arma de dobre fío se non se usan con cabeza.
Deixando á marxe os malos usos que lle poidan dar outros usuarios á nosa información persoal e contidos ou o risco de suplantación de identidade, este fenómeno pode ser unha traba para moitos á hora de atopar traballo.
Hoxe en día, son moitas as empresas que poden (e de feito fano) acceder aos perfís publicados polos seus candidatos neste tipo de redes, onde poden ver fotos, detalles da súa vida persoal, comentarios doutros usuarios… e todo tipo de información que pode influir no seu proceso de selección para o posto (positiva ou negativamente).
Por este motivo, a empresa de recursos humanos Randstad, vén de aconsellarlle aos usuarios deste tipo de aplicacións en liña que “teñan precaución á hora de darse a coñecer nestas plataformas” xa que, cada vez son máis os departamentos de recursos humanos que recorren a elas para obter referencias dos posibles candidatos.
Nembargantes, a firma recoñeceu que, se se fai un bo uso das mesmas, “estas comunidades virtuais poden multiplicar a rede de contactos profesionais dos seus usuarios e abrirlle algunhas portas”.

PUBLICIDADE