As autoridades advirten do perigo de adquirir lentes graduadas por Internet

mércores, 24 de setembro do 2008 Raquel Noya

Segundo un estudo levado a cabo pola Union Fédérale des Consommateurs (UFC)-Que Choisir, asociación de consumidores de Francia, catro de cada cinco lentes graduadas mercadas por Internet neste país, presentan fallos que poden causar problemas de saúde ó usuario.
Así o vén de afirmar a asociación española Visión y Vida, formada pola Asociación Española de Fabricación, Comercialización e Importación Xeral de Óptica e Oftalmoloxía (AEO), a Asociación Española de Cadeas de Óptica (AECO) e pola Asociación de Empresarios de Comercio de Ópticas (AECOP), entre outras, que xa alertou en varias ocasións sobre os problemas inducidos polo emprego de gafas graduadas a través da Rede, unha canle de distribución “en aparencia económica para o peto, pero posiblemente cara para a saúde visual do usuario”.
A investigación que se levou a cabo no país galo consistiu na adquisición de lentes nos cinco portais de Internet dispoñibles no mercado deste país e puxo de manifesto que catro de cada cinco gafas presentaban fallos que lle podían ter causado problemas ao usuario.
Segundo citou a devandita asociación, na meirande parte dos casos, “as lentes non eran válidas para a corrección do astigmatismo e non tiñan unha correcta distancia entre as pupilas”, un parámetro que debe ser estimado por un óptico en presenza do doente.
Asemade, “menos da metade das lentes adquiridas a través da Rede en Francia non tiñan o selo CE”, sinal de garantía de que as normas europeas se respectaron así como símbolo estritamente necesario para a venta legal na Rede.
Estas deficiencias, asegurou a asociación, “poden ter unhas consecuencias mínimas se a graduación é pequena, máis en caso contrario, pode ter repercusións moi graves para a saúde do usuarios chegando a causar migrañas, cansazo, mareos ou vertixe”.
O presidente de Visión e Vida, Javier Cañamero, asegurou nun comunicado que “non resulta en absoluto aconsellable a adquisición de lentes graduadas a través de Internet, xa que han de contar co control e prescrición dos profesionais da visión”.

PUBLICIDADE