Amazon estrea Prime Music en España

mércores, 6 de xuño do 2018 Marcus Fernández

Ao igual que a semana pasada chegaba a España o servizo Prime Reading, que ofrece centos de libros electrónicos sen custo adicional para os subscritores de Amazon Prime (unha especie de versión reducida de Kindle Unlimited), agora temos tamén o seu equivalente musical, Prime Music, que achega 2 millóns de cancións e 40 horas de música ao mes sen publicidade, así como a posibilidade de gozar da música sen conexión, un interesante incentivo para os subscritores Prime, pero que está moi lonxe de Music Unlimited, que ten un catálogo de máis de 50 millóns de cancións. O enriquecemento da oferta de servizos incluídos en Prime reforza os rumores de que este mesmo ano subirán o prezo de tal subscrición a máis do dobre do seu prezo actual.
Prime Music ofrece temas musicais de grande variedade de artistas, contando tamén con emisoras personalizadas e ducias de listaxes de reprodución entre as que non faltan os grandes éxitos do momento, resultando así un servizo moi interesante para quen queira escoitar música dun xeito ocasional (mentres que para usuarios máis intensivos o catálogo musical é claramente deficiente).
O servizo musical pode consumirse dende o ordenador, así como en dispositivos que funcionen con iOS ou Android, facilitando así o levar a música connosco para escoitala onde teñamos acceso á Rede (sendo tamén posible descargar a música para non ter que consumir datos en mobilidade).

PUBLICIDADE