Amazon ofrece libros electrónicos de balde aos subscritores de Prime

mércores, 30 de maio do 2018 Marcus Fernández

En 2014 chegou a España o servizo Kindle Unlimited, consistente nunha tarifa plana de libros en formato electrónico que comercializa Amazon a un prezo de 9,99 euros/mes, e hoxe, a grande plataforma de comercio electrónico trae ao noso mercado unha variante do servizo, Prime Reading, que conta cun catálogo de libros inferior, pero que chegan sen custo adicional para os subscritores de Amazon Prime.
Con Prime Reading podemos retirar virtualmente até 10 libros simultáneos do catálogo ofrecido (con máis de 500 libros), para a súa lectura en distintos dispositivos (dende o lector de libros electrónicos Kindle até no noso smartphone).
Aínda que o catálogo de libros de Prime Reading é moi inferior ao de Kindle Unlimited, cómpre indicar que a súa selección é proporcionalmente mellor, contando xa con volumes como Harry Potter y la piedra filosofal, os libros adaptados a televisión House of Cards e American Gods, obras de autores con relevancia na Internet, como Machismo: 8 pasos para quitárselo de encima de Barbijaputa, e incluso algunha banda deseñada (en inglés) como Planet Hulk.
Actualmente Amazon Prime inclúe envíos rápidos de balde, un servizo de series e películas, descontos na subscrición dun servizo musical, almacenamento ilimitado de fotografías en liña, Twitch Prime, acceso prioritario a ofertas... e agora tamén Prime Reading, dando a impresión de que o enriquecemento progresivo deste aglutinador de servizos ten unha intención moi clara: poder subir a súa cota anual, que actualmente é de 19,95 euros, cando en EE.UU. (onde a oferta é moito máis ampla) xa cobran 119 dólares/ano. De feito, o ruxerruxe de que Amazon quere subir o prezo de Prime en España a uns 50 euros leva tempo escoitándose.

PUBLICIDADE