Kindle Unlimited estréase en España con 150 libros electrónicos en galego en 33.105 en español

martes, 4 de novembro do 2014 Marcus Fernández

No verán Amazon estreou nos EE.UU. a súa tarifa plana de libros electrónicos, Kindle Unlimited, e agora está xa dispoñible en España, de xeito que os lectores máis voraces poden optar por subscribirse a este servizo de lectura dixital sen límites que facilita o acceso a máis de 700.000 libros dende numerosos dispositivos por 9,99 euros/mes, sendo posible probalo de balde durante os primeiros 30 días.
Este servizo permite explorar un amplo catálogo de obras, das que será posible ler e descargar até 10 títulos simultaneamente dende calquera dispositivo Kindle ou da aplicación de lectura Kindle (dispoñible de balde para equipos informáticos e dispositivos móbiles), aínda que cómpre destacar que a meirande parte deste inmenso catálogo corresponden a libros en inglés entre os que figuran a colección completa de Harry Potter ou Los Juegos del Hambre.
Kindle Unlimited pode resultar de utilidade para os queiran acceder a unha selección de 47 obras mestras en español de autores como Camilo José Cela, Miguel Delibes, Julio Cortázar, Pablo Neruda ou Isabel Allende, sendo tamén salientable o feito de que o servizo abra o acceso a 150 libros electrónicos en galego. En total o número de obras en español dentro do servizo sería de 33.105, entre os que non destacan os bestsellers, polo que non estamos ante unha tarifa plana alternativa á compra de exemplares soltos, senón complementaria, como fan tamén os servizos de vídeo baixo demanda (que contan con tarifas planas para unha selección de obras, pero continúan a cobrar polas estreas).

PUBLICIDADE