A web de La Voz de Galicia supera o millón de usuarios únicos en maio

luns, 16 de xuño do 2008 Marcus Fernández

A web incrementou a súa audiencia un 46% no último ano

O medio de comunicación galego de referencia na web é sen dúbida La Voz de Galicia, que vén de anunciar que no mes de maio superou o millón de lectores, rachando con todas as marcas anteriores, e consolidando a súa posición líder e chegando a situarse entre as 10 primeiras páxinas web de información xeral en España auditadas por OJD.
O mes de maio tamén foi o 5º mes consecutivo no que a web de La Voz supera os 3 millóns de visitas, e de manter o ritmo actual rematará o ano servindo preto de 250 millóns de páxinas, o que supón un grande avance nesta publicación electrónico que apenas ten 8 anos de vida.
A superación do millón de usuarios únicos supón un incremento interanual do 46% (que sería dun 15% de miramos usuarios únicos/día). Así, no mes de maio o número de lectores sería de 83.275 de luns a venres, cun pico de 95.219 usuarios únicos, o que ratifica que a audiencia na web xa ten tanto peso como nas edicións impresas, incluso na sociedade galega.
No marco galego La Voz tamén supera sobradamente a outras publicacións como El Faro de Vigo (234.491 usuarios únicos mensuais) ou El Correo Gallego (185.444), o que dende o grupo de comunicación xustifican pola súa aposta polas edicións locais, a nova plataforma de blogs (cono 26 bitácoras activas) e o uso de novos formatos dixitais.

PUBLICIDADE