A poxa dun dominio de Internet chama ó debate sobre os dominios internacionais

venres, 20 de outubro do 2006 Marcus Fernández

A casa de poxas a través da Internet, eBay, tivo estes días un curioso produto a subhasta: un dominio de Internet que asemellaba o de MySpace, valéndose para tal dunha grafía cirílica. Así, муѕрасе.com era o dominio que se estaba a vender, e a un prezo bastante económico (as poxas andaban polos 300 dólares) e podería servir principalmente para facer páxinas de broma ou cousas semellantes, xa que un uso comercial que pretendese levar a engano provocaría a case cancelación inmediata do dominio (dado que se trata dun dominio norteamericano suxeito á normativa de resolución de conflitos desta índole, que se solucionan mediante un arbitraxe bastante rápido).
A substitución dun M por un м resulta bastante orixinal, pero esta táctica aplicada ós nomes de dominio de Internet non tiña apenas importancia xa que os dominios con caracteres internacionais (IDN) non se empregan habitualmente en occidente (e que inclúen dende os xaponés ata o árabe), xa que os navegadores web que había ata o momento non os soportaba. Así se vería o dominio subhastadoNun principio, para que funcionen estes dominios hai que facer unha conversión dos caracteres tecleados na barra de enderezos do navegador, de xeito que муѕрасе.com se convertería en xn—80aktqgj0k.com e podería consultarse así o sistema de dominios actual para acceder a tal sitio web pese a que incorporase caracteres non válidos no sistema actual.
Pero, ¿por qué agora está de actualidade o conflito? Pois, por unha banda, porque o navegador Firefox si fai a conversión de caracteres internacionais, como tamén fai o Internet Explorer 7.0, ou sexa, que dentro dun meses a maioría dos navegadores web soportarán dominios co sistema IDN, o que producirá unha nova eclosión de nomes de dominio.
Desgraciadamente o novo sistema deberá aprender de tácticas como as presentadas na polémica poxa en eBay (xa retirada) porque poderían aproveitarse para crear webs falsas de bancos ou tendas para facerse cos datos de acceso dos seus usuarios, polo que tamén se agradecerá que os novos navegadores estean a incorporar filtros contra o phishing, pero tamén resultará complexo para os rexistros de empresas que teñan varios caracteres susceptibles de beneficiarse dos dominios IDN, que deberán contar con moitísimas variantes do seu nome se queren garantir que os seus clientes cheguen a eles. Pensemos en empresas españolas, nas que dende o eñe ata as tiles son susceptibles de rexistrarse mediante esta técnica, e non se pode contar coa ortografía perfecta dos usuarios... todo un problema de difícil solución que dará moito que falar nos vindeiros meses.
Agora está por ver cómo fan as empresas para defenderse dos milleiros de dominios que xa están rexistrados empregando este truco (dende elcorteinglés.com ata españa.com), algo que se evita dende os dominios .es, que teñen prohibidos os dominios con codificación IDN para salvar conflitos futuros. Pero iso tamén nos leva a preguntarnos, ¿por qué non se aceptan os dominios internacionais baixo o .es?
Campaña chilena en prol do uso dos dominios internacionalizadosO caso español resulta rechamante se vemos que en países coma Chile xa comezaron hai tempo a aceptar estes dominios para ir introducíndoos, en boa medida á espera de que os navegadores de Internet se vaian adaptando, empregando de xeito exemplar o nome dun animal para dar a entender a necesidade destes dominios: ñandú.
Así, dende Chile explicaban que nandu.cl era un dominio dificilmente comprensible, polo que fixeron a páxina ñandú.cl como unha demostración impagable do curioso sistema de codificación dos nomes de dominio de Internet (que tamén serve para ver se o noso navegador soporta este tipo de dominios).
Cando o Internet Explorer 7.0 sexa un navegador realmente espallado por todo o mundo os nomes de dominio internacionalizados terán que pasar a súa proba de lume, e aínda que nun primeiro momento poderán crear moitas polémicas e problemas, posiblemente abrirá unha porta á modernización da Internet que agradecerán as persoas que viva na Coruña ou en Narón e que estean fartos de ver os nomes das súas poboacións deturpados na Internet por culpa de ter que cinguirnos ós caracteres anglosaxóns.

PUBLICIDADE