A Rede aínda é un artigo de luxo no rural lucense

luns, 25 de agosto do 2008 Raquel Noya

En La Voz presentan a un veciño de Cela (Cervantes) que non pode acceder á Rede dende o seu portátil

Segundo vén de informar o xornal La Voz de Galicia, moitos concellos de Lugo aínda non teñen conexión a Internet e a cobertura do móbil e o teléfono fixo fallan a miúdo en boa parte da provincia.
En contraposición coa iniciativa da Xunta de convidar ás mozas e mozos galegos a quedar a vivir no rural, alí son poucos os veciños que poden dispoñer dunha boa conexión a Internet se non se desprazan ata as capitais do concello para probar sorte nas bibliotecas municipais ou na propia casa consistorial.
Son moitos os exemplos deste tipo que se expoñen no artigo de La Voz porén o máis destacable é o dunha familia de Cela (no concello de Cervantes) que se viu na necesidade de enviar uns documentos urxentes e tivo que desistir do seu empeño ó non atopar na zona un sitio no que poder conectarse á Rede ás nove da tarde.
O aillamento nestas zonas do rural lucense é pois, practicamente total, e aínda que, en moitos casos, é o que buscan os turistas que se achegan ata esta provincia, Internet é un servizo básico que reclaman a voz en grito tanto veciños como visitantes.

PUBLICIDADE