A ICANN retrasa a apertura de solicitude de novos dominios de Internet

mércores, 5 de novembro do 2008 Marcus Fernández


Tina Dam e Karla Valente falando dos seus proxectos en ICANN


Kurt Pritz, vicepresidente de servizos da ICANN, resume o acontecido na sesión dedicada ao borrador da guía para solicitantes de novos dominios

A ICANN presentou durante a súa 33ª xuntanza internacional no Cairo o borrador da guía para solicitantes de novos dominios xenéricos de primeiro nivel, segundo o que poderán solicitar un dominio as organizacións que demostren a súa capacidade organizativa, técnica e operativa para levar a cabo as operacións precisas para manter un nome de dominio na Internet.
A directora do programa de novos dominios, Karla Valente, anunciou que se prevé abrir o prazo de solicitude de novos dominios no último trimestre de 2009, o que suporía un retraso no calendario presentado con anterioridade, o que levou á Asociación PuntoGal a pedir publicamente o cumprimento dos prazos previstos e unha aceleración do proceso de solicitude para novos dominios xenéricos, lembrando que a iniciativa galega leva máis de dous anos traballando na candidatura (seguindo as pautas establecidas pola ICANN), pedindo tamén que se revisen as cuestións económicas do borrador, pois consideran que as propostas cun carácter social deberían ter uns requisitos económicos máis relaxados que outras iniciativas puramente comerciais.
De confirmarse as demoras por parte da ICANN, no caso de que a Asociación PuntoGal se aceptase na primeira quenda de solicitudes para novos dominios o .gal non podería ser realidade ata 2010.

PUBLICIDADE