A Europeana (Biblioteca dixital europea)poderá ser unha realidade no vindeiro outono

martes, 12 de agosto do 2008 Raquel Noya

As bibliotecas de Europa teñen máis de 2.500 millóns de libros e tan só en torno ó 1 por cento do material arquivado está dispoñible de xeito dixital para ser consultado en liña.
É por isto que a Comisión Europea vén de instar aos países membros a facer máis para que as obras dixitalizadas poidan ser consultadas virtualmente por tódolos cidadáns e asemade, vén de anunciar que aportará preto de 120 millóns de euros no periodo 2009-2010 para mellorar o acceso directo ó patrimonio cultural de Europa.
Deste xeito, e grazas ao proxecto Europeana (biblioteca dixital Europea), que poderá converterse nunha realidade o vindeiro outono, tódolos europeos terán acceso a libros, música, pinturas, fotografías e películas tan só a golpe de rato.
Segundo vén de informar a axencia EFE, os visitantes das bibliotecas dixitais poderán descubrir, entre outros, exemplares da famosa Biblia de Gutenberg no sitio web da Biblioteca Británica, as voces de Maria Callas ou Jacques Brel no Institut National de l´Audiovisuel Français ou a obra mestra de Leonardo da Vinci, A Mona Lisa.
A dixitalización das obras de cultura poderá facilitar o acceso dos cidadáns aos materiais dos museos, bibliotecas e arquivos do extranxeiro sen ter que viaxar durante horas ou visualizar milleiros de páxinas ata dar coa información buscada.
A Comisión reafirmou hoxe o seu compromiso de axudar aos estados membros a levar a Internet os seus contidos culturais pois o coste total da dixitalización de cinco millóns de libros (sen contar manuscritos e pinturas) ronda os 225 millóns de euros, cuantía que moitos países non poden afrontar sen axuda deste organismo.
A biblioteca dixital europea forma parte da iniciativa 2010 adoptada pola Comisión o pasado 1 de xuño de 2005.

PUBLICIDADE