A Deputación de Lugo está a traducir os contidos da súa páxina web

venres, 24 de agosto do 2007 Marcus Fernández

Dende Vieiros informan de que a web da Deputación de Lugo comeza a amosar cambios dende a mudanza de goberno ó incluír información como as retribucións dos membros políticos e do persoal eventual do organismo provincial e ó comezar a introducirse o galego dentro da web.
Así, dende a carta de saúdo do novo presidente do ente ata as novas publicadas están en galego, informándose tamén de que o proceso de tradución de tódolos contidos está en marcha, de xeito que nos vindeiros meses poderemos ver unha adecuación total dos textos na web oficial.

Os posibles dominios en galego da Deputación de Lugo continúan libres

A meirande parte dos contidos da web continúan en español, en boa medida porque beben de bases de datos que precisan dunha ardua tradución, polo que o cambio ó galego non é algo que se poida facer dun día para outro. Agora ben, un dos elementos que continúa sen traducir é o nome de dominio da web, que continúa a ser diputacionlugo.org, o que deberían remediar inmediatamente, xa que os dominios deputacionlugo e deputaciondelugo cos sufixos máis populares están libres para o seu rexistro, o que podería ser moi atractivo para cybersquatters (aínda que podemos lembrar que o dominio español sempre daría prioridade ó ente galego en caso de conflitos).

PUBLICIDADE