A Casa Branca ábrese ás preguntas cidadás

mércores, 25 de marzo do 2009 Marcus Fernández

A chegada de Barack H. Obama á presidencia dos EE.UU. supón un antes e un despois para o xeito de entenderse a política a escala global, para moitos que aseguran que boa parte do éxito deste político foi a súa aposta pola Rede para chegar aos seus simpatizantes, polo que non debería sorprender que abrisen un apartado na web da Casa Branca chamado Open for Questions no que permiten que os cidadáns poidan remitir preguntas ao seu presidente, de xeito que as contestará mañá nunha sesión de vídeo que poderase seguir a través da Internet e que na súa primeira sesión centrarase na economía (e as medidas que a Administración norteamericana está a tomar, e que afectan máis directamente aos cidadáns).
Este novo experimento da páxina web da Casa Branca está a ter bastante éxito, aínda que parece evidente que o presidente Obama non será quen de responder en persoa as máis de 20 mil consultas (votadas por uns 685 mil usuarios e agrupadas por categorías temáticas para unha mellor organización) que se dirixen á súa persoa neste momento a través desta canle de comunicación, aínda que supomos que as cuestións con maior apoio popular si serán atendidas, destacando que a plataforma de preguntas está autoxestionada polos propios cidadáns (que poden marcar se consideran axeitada ou non cada unha das preguntas remitidas).


O presidente dos EE.UU. anunciando a apertura desta nova canle de comunicación coa súa Administración

PUBLICIDADE