A Asociación de Internautas actualiza o seu test de velocidade de conexión á Rede

martes, 3 de outubro do 2006 Fernando Sarasketa

O test de velocidade que achega a Asociación de Internautas, a diferenza do que se pode levar a cabo nas estradas cos vehículos, non nos ofrece máis perigo que o de alporizarnos coa empresa de telecomunicacións que nos subministra o servizo de conexión á Rede (en caso de que o servizo sexa defectuoso, claro).
Este test, que xa leva tres anos operativo, vén de ser actualizado polo devandito colectivo de internautas, que incluíu un novo medidor de velocidade que “mellora de xeito ostensible as prestacións de seguridade e ergonomía respecto a outros servizos en liña”, segundo informa Internautas.org.
O novo medidor, que xa foi empregado ó longo destes últimos días por unha media de 3.000 usuarios ó día, permítenos (como dixemos) avalia-la velocidade real de baixada e subida das nosas conexións en liña e comprobar se coinciden co que nos ofreceron.

PUBLICIDADE