YouTube facilita o desenfoque personalizado dos seus vídeos

xoves, 25 de febreiro do 2016 Marcus Fernández

Hai preto de catro anos YouTube estreou unha opción que permitía desenfocar as caras das persoas nos vídeos para protexer a súa identidade, e atendendo á demanda de que nalgunhas situacións quérese desenfocar algo máis que unha cara, decidiron preparar unha ferramenta de desenfoque personalizado dentro de YouTube, de xeito que os creadores de vídeo, na sección na que contan con funcionalidades para mellorar os vídeos, teñen agora un xeito doado de desenfocar información sensible como unha matrícula dun vehículo, algún vestido estrafalario ou calquera outro elemento que queira eliminarse da montaxe audivisual sen ter que realizar unha toma totalmente nova.
Dentro da ferramenta de edición de vídeo en YouTube hai agora unha ficha de Efectos de desenfoque no que sa non está só a opción de desenfocar rostros automaticamente, senón que tamén temos un Desenfoque personalizado que facilita o acceso á nova opción na que podemos marcar os obxectos a desenfocar configurando a posición e o tamaño da área de desenfoque en función da liña de tempo (e apoiándose tamén nunha análise do vídeo sobre a marcha).
Estamos ante unha característica de edición bastante avanzada para unha ferramenta web, que principalmente busca facilitar protexer a intimidade das persoas, eliminando datos sensibles de vídeos ou camuflando a súa participación non intencionada nas gravacións, facilitando de paso a preservación da súa honra o seu dereito á propia imaxe, sen que iso violente a liberdade do creador dos vídeos.

PUBLICIDADE