YouTube permite desenfocar a cara das persoas nos vídeos para protexer a súa identidade

mércores, 18 de xullo do 2012 Marcus Fernández

Dende hai tempo YouTube está a incorporar distintas funcionalidades de edición de vídeo para que os usuarios poidan subir os seus contidos directamente dende un móbil ou cámara, sen precisar de empregar ningunha aplicación informática intermedia para funcións como cortar ou mellorar a imaxe, e dentro desas funcionalidades veñen de incorporar unha prestación moi interesante para os movementos civís como é a posibilidade de desenfocar os rostros de xeito automático, protexendo así a identidade de participantes en manifestacións e revoltas que poidan ter serios problemas de seren recoñecidos, permitindo incluso eliminar o vídeo orixinal despois do uso desta ferramenta de edición (de xeito que unha autoridade gobernamental non podería esixir o vídeo sen modificar). Deste xeito, a tecnoloxía que xa coñecemos de servizos como Street View pode agora aplicarse a vídeos e, aínda que non é perfecta, pode resultar de grande utilidade, non só para a publicación de vídeos polémicos, senón tamén para protexer a identidade de menores de idade que poidan saír nunha secuencia que queiramos publicar na Rede, o que deste xeito poderemos facer sen invadir a súa intimidade.
Esta nova posibilidade de YouTube nace ante a demanda por parte de asociacións de defensa de dereitos humanos, que consideraban importante poder protexer a identidade das persoas que saían nos vídeos que publican para evitar futuras represalias contra eles.

PUBLICIDADE