Vitaminas para o galego consegue na Rede o dobre de apoios dos agardados

luns, 30 de xaneiro do 2012 Fernando Sarasketa

Na Rede, as posibilidades de recadar apoios e mecenado dispáranse. A clave está na lonxitude da onda, no alcance da mensaxe, que se estende e nos pon a todos en contacto. Se hoxe falabamos da Tahona Cultural, un proxecto dixital a nivel español dende o que se poñen en marcha, pola vía do financiamento colectivo, diversas obras culturais, agora é a quenda de falar de novo dunha iniciativa galega que tamén tira o máximo partido das redes para facerse forte: Vitaminas para o galego. Trátase dunha campaña que se nutre de todo tipo de apoios en liña para, á súa vez, apoiar outras iniciativas: o mantemento e posta en marcha de novos medios en galego. Pois ben, a campaña en cuestión superou case dúas veces as expectativas de recadación.
Así nolo contan os seus promotores (un grupo de medios galegos comprometidos coa nosa lingua), que engaden que a campaña está xa nunha segunda fase de traballo logo de un mes de vida “amosando que existe unha demanda real de medios na lingua propia de Galicia”. Deste xeito, e para facérmonos unha idea do éxito, o obxectivo inicial de reunir 3.300 euros na primeira fase do programa viuse totalmente superado polo apoio xeralizado da comunidade internauta galega, que xa achegou 6.300 euros en doazóns a través de Internet, polo de agora.
Cómpre lembrar que Vitaminas para o galego vén da man de dezanove medios e plataformas de comunicación: Novas da Galiza, Tempos Novos, Praza Pública, Radiofusión, Valminor.info, quepasanacosta,Galicia Confidencial, Certo.gl. O Sil e Crónica3. Tamén apoian a proposta Terrachá.xa, Crónicas da comarca (Arzúa - Melide), Radio Nordés (Vimianzo), Cadernos de Comunicación e Análise, Hermes e Atenea, surfgz.com, disquecool, Cabozo e Vencello.
Vitaminas, informan as devanditas canles, naceu co convencemento de que o galego non sobrevivirá se non se editan medios na lingua. O papel dos medios na evolución da cultura galega “é indispensable, especialmente en eidos, por exemplo, como a difusión da cultura do país cara fóra ou a creación de vocabulario informativo e publicitario”.
A primeira fase, que remata precisamente este luns, dirixiuse a recadar cartos a través da plataforma de financiamento social en liña Verkami, traducida ao galego para a ocasión. Todo o diñeiro que se consiga irá encamiñado a sufragar a propia campaña e máis o mantemento dos medios colaboradores.
Para quen queira contribuír á campaña, dicirlle que aínda está a tempo: os internautas terán tres días para botar unha man de cara a supervivencia dos medios na nosa lingua. Unha vez rematada a primeira fase, comezarase cunha longa xeira de actos de promoción por todo o noso territorio. Entre estes actos haberá concertos -nos que xa se ofreceron a colaborar até 16 artistas- e relatorios, como o organizado a fin de semana pasada polo Concello de Redondela, e do que dimos conta, precisamente, en Código Cero.

PUBLICIDADE