En marcha La Tahona Cultural, unha web para atopar financiamento para os nosos proxectos culturais

luns, 30 de xaneiro do 2012 Fernando Sarasketa

Unha boa parte dos proxectos culturais que contan hoxe en día con meirande éxito teñen o seu xermolo, saibámolo ou non, en campañas para obter financiamento na Rede. Esta práctica, que adquire múltiples variábeis, coñécese xeralmente como crowfunding, e máis ou menos vén a ser a aplicación, multitudinaria, dixital e sen fronteiras, do que comunmente se coñece como recadación de fondos e mecenado. Para quen estea neste intre a piques de pór en marcha un proxecto e precise deste tipo de apoios, dicirlle que están en activo unha boa cantidade de recursos dixitais que o facilitan. Un exemplo recente disto, se cadra o máis recente de todos, é La Tahona Cultural, plataforma para o financiamento de proxectos singulares que busca tirar o máximo partido da Rede.
A web, que vén da man de ETC&R (empresa cunha longa experiencia na dirección de todo tipo de iniciativas ligadas ás artes e á creatividade), conta á súa vez cun apoio a ter en conta: o do Ministerio de Educación. O funcionamento da plataforma en liña é máis ou menos o mesmo que o de outras propostas semellantes das que xa dimos constancia, pero se cadra aquí hai un meirande compoñente de unidade e, sobre todo, de facilidade de uso para quen solicita axuda orzamentaria e, ao mesmo tempo, para quen a ofrece. “Os internautas con vocación de mecenas”, informa a firma responsábel da plataforma, “poderán botar unha man no financiamento destes proxectos a través de miúdas achegas económicas e as mesmas tramitaranse a través dunha pasarela de pago segura, co aval do Banco Sabadell; todo isto permitiralles aos internautas que apoien estas iniciativas pasar a ser activos importantes dos proxectos apoiados, pudendo obter diferentes tipos de recompensas a cambio das súas achegas, que variarán en función da natureza de cada proxecto”.
En definitiva, estamos ante unha páxina web que nos vai permitir, a un nivel modesto pero ben interesante, converternos en produtores de todo tipo de obras culturais, dende pezas cinematográficas a videoxogos, pasando por obras de teatro, deseño, música, artes plásticas, publicacións, recuperacións de patrimonio cultural, etc.
Entre os primeiros proxectos promovidos por particulares e entidades a través de latahonacultural.com, figuran a rehabilitación do campanario de Creixell (Tarragona), reformado en 1917 polo arquitecto modernista Josep María Jujol; unha nova produción dos alumnos do Conservatorio Superior de Danza "María de Ávila" de Madrid; a nova estrea do Teatro Guindalera de Madrid; a realización dun obradoiro de investigación sobre a accesibilidade no teatro (Teatro sen Barreiras); a organización de obradoiros de arteterapia para persoas en risco de exclusión social (La Colmena); ou a publicación dun número especial en papel de I love travel, revista de viaxes aberta á colaboración dos internautas que, amais de moverse no mundo en liña, tamén o fagan decote no mundo físico.

PUBLICIDADE