Unha plataforma de ecommerce e unha web que mestura realidade virtual e arte, Premios AJE Ferrolterra

luns, 29 de novembro do 2021 S. P.

O pasado venres a Sala Cureñas do ferrolán Castelo de San Felipe acolleu a gala de entrega de galardóns dos Premios Empresario/a Novo/a e Iniciativa Emprendedora convocados por AJE Ferrolterra. Na cita, na que se recoñeceron as mellores iniciativas de mercado do último ano, participou unha parte moi relevante do tecido empresarial da comarca. Finalmente distinguiuse a páxina web MiChollo.com e máis a proposta de arte e tecnoloxías Realidade Virtual Acercarte.

O responsábel de Michollo.com recibindo a distinción

Os premios deste ano contaron con patrocinadores de excepción, Xunta de Galicia, Concello de Ferrol, Concello de Narón, Deputación da Coruña, Escola de Finanzas Business School da Coruña, Abanca, Gadis, Cándido Hermida, e AJE Galicia.
O acto contou coa intervención do presidente de AJE Ferrolterra, Luís González Rey, o presidente de AJE Galicia, Luciano Cobelo e o Conselleiro de Economía, Francisco Conde.
Neste certame, AJE Ferrolterra repartiu premios valorados en 20.000 euros. Como dixemos, o Premio Empresario Novo recaeu en en MiChollo.com, innovadora plataforma de venda en liña con todo tipo de produtos a prezos moi competitivos. O seu socio Alberto Cinza agradeceu o seu recoñecemento e mostrou o seu orgullo de ter participado nestes galardóns.
Pola súa banda, o Premio Iniciativa Emprendedora foi para Acercarte, proposta impulsada por Eva Cayetana Somolinos que salienta por combinar sinestesia, música, arte e Realidade Virtual, logrando unha pioneira e innovadora experiencia multisensorial.
O accésit á innovación foi Abzú, de Gabriel Torrente, unha iniciativa para converter os portos en lugares máis próximos, transparentes e máis áxiles para o comercio internacional, botando man de tecnoloxías de cadea de bloques (blockchain).
Pola súa banda, o o accésit á RSE foi para ADS Tecnoloxías, proxecto impulsado por Alberto Hermida, que consiste en ofrecer ás empresas un servizo integral no mercado IT, constituído por desenvolvemento de software, páxinas web, CRM, ERP, etc.

PUBLICIDADE