Unha investigación proba que os anuncios de Facebook non son realmente efectivos

luns, 16 de xullo do 2012 Raquel Noya

Coa finalidade de demostrar que os anuncios da rede social creada por Mark Zuckerberg non son tan efectivos como as firmas anunciantes cren, a BBC vén de realizar unha investigación para probar a súa efectividade, demostrando que “moitas compañías están gastando grandes sumas económicas en darse a coñecer sen resultado”.
A proba consistiu en crear o perfil dunha empresa ficticia de nome Virtualbagel, dedicada á venda de bolos de pan, que nas primeiras 24 horas acadou máis de 1.600 “Gústame”, malia que na propia páxina de perfil non se recollían produtos da compañía ficticia.
O 75% destes “Gústame” procedían de perfís de El Cairo (Exipto) e Filipinas, a maioría deles falsos, dos cales se sospeita que son perfís controlados por programas informáticos deseñados para distribuír correo lixo.
Perante as sospeitas desta investigación, Facebook afirma “non ver evidencias dunha ondeada masiva de “Gústame” procedente de usuarios falsos ou de usuarios obsesivos”.
Non obstante, outras investigacións similares tamén indican que son moitos os usuarios, supostamente falsos, que lle dan ao botón “Gústame” dende Exipto e Filipinas, e tamén se dá o caso de ser usuarios de entre 13 e 17 anos.
Facebook deféndese das acusacións argumentando que “non ven evidencias de que sexa un problema significativo”. Neste senso indican que tódalas compañías anunciantes teñen acceso ás análises de Facebook que lle permiten ver as identidades da xente que gusta das súas páxinas.
Do que non falaron, iso si, foi de baixar as tarifas vixentes para esta modalidade de publicidade indirecta.

PUBLICIDADE