Galicia contará cun novo punto neutro de tráfico da Internet en 2025

xoves, 11 de abril do 2024 Marcus Fernández

Inauguración de GALNIX en 2003

No ano 2003 inaugurouse no CESGA o punto neutro de intercambio de tráfico da Internet en Galicia, GALNIX, coa esperanza de achegar un acceso máis rápido a información contida nos servidores conectados á Rede en Galicia, contando coa participación do CESGA, Comunitel Global, Jazz Telecom, R Cable, Telecomunicaciones Galicia e Redegal.
Esta interesante iniciativa foi esmorecendo, e agora pretende retomala unha sociedade participada polas empresas galegas cloud.gal, Rede Aberta e Norvoz Telecom, que procuran non só unha mellora do acceso á Internet e a transformación dixital de todo o ecosistema empresarial galego, senón que tamén quere reducir a dependencia doutros centros en localizacións afastadas como Madrid ou Barcelona.

Rede Aberta, cloud.gal e Norvoz Telecom son as empresas que promoven o novo punto neutro galego

O proxecto botará a andar a primeiros de 2025, para o que conta cunha subvención do IGAPE, xa que considera que contribúe a mellorar a experiencia dixital de toda Galicia, amais de impulsar a transformación dixital, con especial atención ao ámbito rural, sectores emerxentes e pemes.
O novo punto neutro de Galnix estará localizado en Santiago de Compostela e permitirá a redución de até un 75% da distancia que os datos deben percorrer, mellorando a latencia na navegación pola Internet e incrementando a interconectividade entre operadores do ecosistema galego.
O investimento estimado para Galnix será de 2,1 millóns de euros, conta con respaldo de 26 institucións e empresas, así como tamén conta co apoio do Concello de Santiago de Compostela, 13 operadores de telecomunicacións, os 2 Hubs de innovación dixital, os clústeres de automoción, enerxías renovables, e TIC, e os colexios profesionais de Telecomunicacións, Informática e Enxeñaría Industrial.

PUBLICIDADE