Un videoxogo feito con Scratch premiado no III Premio Otero Pedrayo para estudantes

xoves, 11 de abril do 2024 S. P.

A Fundación Otero Pedrayo e a Secretaría Xeral de Política Lingüística entregou este mércores os galardóns para estudantes que levan o nome do insigne escritor ourensán, que chegaron á súa terceira edición e que se dirixen a salientar o talento creativo dos estudantes de ESO e Bacharelato (ao tempo que fomentan entre a mocidade o coñecemento e recoñecemento do autor de Arredor de si). O acto, no que participou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, foi tamén unha homenaxe a Pedrayo no 48 aniversario do seu pasamento este 10 de abril. No palmarés incluíuse un videoxogo feito con Scratch.
García loou o traballo de todas as persoas participantes “pola calidade dos traballos presentados, que ademais foron preto de medio cento, o cal demostra o alto interese que segue espertando entre as novas xeracións a figura dun autor tan significativo para o galego e para Galicia”.
Canda Valentín García tamén participaron nesta entrega, que acolleu a Casa Grande de Cima de Vila, sede da Fundación Otero Pedrayo, o presidente da dita entidade, Eduardo López Pereira, e o alumnado e profesorado dos centros premiados.
Alumnado premiado
Na terceira edición deste certame, o IES Otero Pedrayo de Ourense fíxose cos dous galardóns na categoría de Bacharelato: o premio individual foi para Lucía González Vázquez, polo traballo Poesía e Xeografía de Bocarribeira; mentres que o premio colectivo recaeu no grupo As Oterianas, que analizou os cinco anos do autor como alumno preuniversitario no proxecto Otero Pedrayo alumno, traxectoria no centro que leva o seu nome.
Ademais, o xurado acordou recoñecer cun accésit o traballo titulado Violencia e delito en O mesón dos ermos: brutos, bandoleiros e negreiros, presentado por un grupo de estudantes do IES de Ponteceso.
Doutra banda, na categoría reservada para alumnado de Secundaria, recibiu o premio colectivo o grupo Araucaria, do IES Plurilingüe San Rosendo de Mondoñedo. O seu traballo Galeguízate con Otero, un videoxogo realizado coa ferramenta de programación Scratch, foi eloxiado polo xurado pola excelente aplicación das novas tecnoloxías. Nesta categoría tamén recibiu un accésit o grupo Ilustres Dinámicos, do IES Chan do Monte Marín.
Por último, o premio na categoría individual quedou deserto, aínda que se lle concedeu tamén un accésit a Avril Lagos González, alumna do IES Chan do Monte de Marín, pola súa biografía en verso de don Ramón.

PUBLICIDADE