Política Lingüística e o Instituto da Lingua Galega presentan a ferramenta Fontegam

xoves, 11 de abril do 2024 S. P.

Esta semana presentouse en Santiago a nova base de datos Fontes Textuais da Galicia Medieval (FONTEGAM), unha nova ferramenta en liña impulsada polo Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades en colaboración co Instituto da Lingua Galega. “Trátase dun recurso innovador que unifica nun mesmo espazo as linguas usadas na escrita da Galicia medieval, unha etapa da nosa historia na que ambas as institucións son un referente”, destacou Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, de quen depende o Centro Ramón Piñeiro.
García engadiu que a nova base de datos Fontes Textuais da Galicia Medieval (FONTEGAM) está aberta ao público para consulta libre e nela converxen textos latinos e romances. Os primeiros son achega do Corpus Documentale Latinum Gallaeciae (CODOLGA), proxecto desenvolvido tamén desde o Ramón Piñeiro, mentres que os materiais romances son a contribución do Corpus Galego-Portugués Antigo (CGPA), impulsado desde o Instituto da Lingua Galega, centro de investigación da Universidade de Santiago de Compostela.
No acto de presentación, que tivo lugar no compostelán Pazo de San Roque, tamén participaron a directora do Instituto da Lingua Galega, Elisa Fernández Rei; o director do proxecto CODOLGA, Xosé Carracedo, e o director do Corpus Galego-Portugués Antigo, Xavier Varela.
Máis de 20.000 textos documentais dispoñíbeis
O CODOLGA, que actualiza cada ano a súa aplicación informática coa incorporación de novos materiais, chega este 2024 á súa versión número 20 coa incorporación de 640 novos documentos procedentes, fundamentalmente, do Mosteiro de Santa María de Sobrado.
Isto supón que a base de datos do Centro Ramón Piñeiro ten dispoñíbeis a día de hoxe 20.320 textos documentais relacionados coa Gallaecia dos séculos VI ata o XV, para consulta libre e aproveitamento por parte de todo o público interesado na Galicia da Idade Media nos ámbitos da lingüística, da literatura, da cultura, da socioloxía ou da historia en xeral.

PUBLICIDADE