TruthGPT será a alternativa de Musk a ChatGPT

martes, 18 de abril do 2023 Marcus Fernández

Barack Obama e Elon Musk en cabo Cañaveral en 2010

Tras saberse da compra de 10.000 gráficas e da fundación de X.AI por parte de Elon Musk chega un comentario do empresario asegurando que «o que precisamos é TruthGPT», dando a entender que xa está a traballar nunha alternativa a ChatGPT, o que confirmou nunha entrevista para Fox News.
Musk comentou ao xornalista Tucker Carlson que TruthGPT será «unha intelixencia artificial de busca da verdade que procure entender a natureza do universo» ao que engadiu que pensa que dese xeito a intelixencia artificial non aniquilaría a humanidade porque «somos unha parte interesante do universo».
As declaracións de Musk teñen un claro nesgo, pois recoñece que abandonou ChatGPT ao non poder controlar a entidade que o desenvolveu, e agora que quere crear unha alternativa emprega argumentos como que hai que pór freos á intelixencia artificial porque «é tan perigosa como as armas nucleares» e incluso asegura que ChatGPT está programado por expertos de esquerdas que adestran aos chatbots para mentir, como un xeito de controlar aos cidadáns estadounidenses.
Para reforzar os seus argumentos Elon Musk asegura que «a única xuntanza que tiven con Obama como presidente non a usei para promover a Tesla ou a SpaceX, senón para instar a unha regulación da intelixencia artificial», algo extraordinariamente difícil de crer, especialmente se temos en conta a grande dependencia de ambas empresas de fondos estatais, así como do feito de que nunca antes comentase nada sobre o tema.

PUBLICIDADE