Twitter eliminará os selos de verificación das contas que non paguen a semana que vén

martes, 11 de abril do 2023 Marcus Fernández

Aínda que Elon Musk anunciara que o 1 de abril iniciaría a retirada de selos de verificación a contas que non pagasen por Twitter Blue, chegada a data non fixeron tal, creando unha grande confusión, xa que eliminaron a diferenciación entre as anteriores contas verificadas e as novas, e aínda que parecía que a Musk teríase botado atrás nas súas pretensións para potenciar a subscricións de pagamento, finalmente anunciou unha nova data para o borrado dos selos de verificación para quen non pague: o 20 de abril. Queda agora agardar para ver se finalmente Twitter executará un cambio que podería facer que os checks azuis perdesen todo o sentido, xa que non axudaría a identificar a figuras relevantes (que na súa meirande parte anunciaron que non pagarían por Twitter Blue).
Outro detalle bastante curioso que se desvelou nas últimas horas é que a compañía Twitter Inc. Xa non existe, senón que agora respondería ao nome de X Corp, de xeito que o nome da plataforma social e da empresa non coincidirían como pasa con compañías como Meta (que ten plataformas como Facebook e Instagram).
Tamén está a comentarse que Musk está a reforzar a aposta pola intelixencia artificial dentro de Twitter, e como mostra diso aseguran que veñen de mercar unhas 10.000 gráficas para correr procesos de intelixencia artificial para un proxecto sobre modelos de linguaxe (como ChatGPT) do que aínda non se coñecen detalles oficialmente.

PUBLICIDADE