Toxo Telecom dá conta do seu apoio ás Tanxugueiras

xoves, 3 de febreiro do 2022 Marcus Fernández

Nos últimos meses as Tanxugueiras convertéronse en todo un fenómeno en Galicia, que co gallo do Benidorm Fest transcendeu ao resto do Estado, chegando a salpicar ao operador de telecomunicacións ribeirense Toxo Telecom, ao que chegaron a acusar de manipular o televoto do festival no que se seleccionaba a representación española en Eurovisión ao ofrecer mensaxes e chamadas de balde.
Foi na tarde de onte cando se deu a coñecer que dos 192.000 votos telemáticos realizados durante a final do Benidorm Fest o pasado sábado o 70,75% correspondían ás Tanxugueiras co seu tema Terra, mentres que a outra favorita, Rigoberta Bandini, recibiu só o 18,08% dos votos e, a gañadora do festival, só o 3,97%. Esta diferenza abismal de votos levou a que certas voces desen conta dunha campaña de Toxo Telecom na que ofrecían unha mensaxe de texto ou unha chamada de balde dende as súas liñas móbiles para así apoiar á formación da súa veciña Aida Tarrío (de Aguiño), pero a acusación de manipulación do televoto era claramente absurda, o que se confirmou unha vez que dende Toxo saísen á palestra para informar de que o número de votos que subvencionaron foron un total de 373, o que ten un impacto insignificante na votación xeral. O que si conseguiron é que se visualizase o compromiso de Toxo coa cultura galega.
Lembremos que o éxito popular das Tanxugueiras non se percibe só polo televoto dos pasados días, senón que xa na Rede están a ter un éxito impresionante, e tras superar o millón de reproducións en dous dos seus vídeos o pasado 28 de decembro, temos que agora teñen outros dous vídeos musicais que superan o millón de reproducións, mentres que Terra vai camiño dos 4 millóns de reproducións na súa canle oficial (o tema acumula máis de 5 millóns de reproducións na canle de RTVE Música), e en Spotify tamén se deixa notar o seu éxito, con tres temas musicais con máis dun millón de reproducións (Terra supera os 3 millóns) e podendo presumir de 742.289 oíntes mensuais, polo que claramente estamos ante éxito que vai máis aló do público galego.
Tamén podemos salientar que as Tanxugueiras levan moito tempo tendendo pontes co seu público, o que quedou máis que claro durante o confinamento, cando desenvolveron un ciclo de conversas virtuais diarias en YouTube, de aí que non sorprendese a ninguén cando no Portal das Palabras saíu elixida como Palabra do Ano 2021 Tanxugueiras.
Este contexto é o que está a propiciar que todo o relativo a esta formación musical estea a converterse en tendencia nas redes sociais os últimos días, conseguindo que a cultura galega estea máis presente ca nunca na Internet, facendo realidade o lema de non hai fronteiras.

PUBLICIDADE