2 vídeos musicais das Tanxugueiras superan o millón de reproducións en YouTube

martes, 28 de decembro do 2021 Marcus Fernández

A aventura das Tanxugueiras cara á representación de España no Festival de Eurovisión pode non culminar con éxito, pero a experiencia non cesa de dar os seus froitos, conseguindo unha grande proxección da formación galega e dando visibilidade ás linguas minorizadas, sendo as últimas horas motivo de grande celebración, xa que esta mañá o vídeo musical do tema Figa converteuse no primeiro do grupo en superar o millón de reproducións en YouTube.
Pero a cousa non quedou aí, senón que un chisco despois sería Terra, a canción candidata a representar a España en Eurovisión a que superaría a barreira do millón de reproducións, convertendo este 28 de decembro nunha data que dificilmente esquecerán.
Conseguir que Figa tivese un millón de reproducións nuns 5 meses é unha marca meritoria, pero a mesma marca foi acadada por Terra nunha semana, confirmando a inercia que teñen actualmente as Tanxugueiras na Internet, onde tamén están a agradecer que nunha semana Terra superase as 400.000 reproducións en Spotify. Se a todo isto sumamos detalles como que a mascota do Club Baloncesto Breogán de Lugo bailase Terra no descanso do último partido, converténdose nun vídeo viral, queda claro que, con independencia do resultado do Benidorm Fest, as Tanxugueiras están a deixar unha importante pegada co seu traballo, sendo a Rede o principal reflexo deste fenómeno.

PUBLICIDADE