Tecnópole incrementou os seus ingresos nun 21,4% en 2011

martes, 27 de marzo do 2012 Raquel Noya

O Parque Tecnolóxico de Galicia, Tecnópole, vén de facer reconto do que dou de si o traballo realizado durante o pasado 2011, e todo indica que a actividade foi vento en popa ao ter incrementado os seus ingresos en máis dun 21%.
En concreto o incremento experimentado é dun 21,4%, que veñen de manter a facturación por servizos e alugueres e de incrementar o financiamento para a realización de proxectos, ademais da súa actividade como entidade colaboradora do Ministerio de Economía e Competitividade “para tramitar as axudas a empresas instaladas en parques científicos e tecnolóxicos”, informaron.
Segundo os datos manexados na reunión do Consello de Administración da entidade, que tivo lugar hoxe mesmo, os ingresos obtidos durante o ano pasado ascenderon a 2,4 millóns de euros, “cerca de medio millón máis ca no exercicio 2010”, precisaron.
Durante esta reunión tamén se tratou a ampliación do obxecto social da entidade de San Cibrao das Viñas, que ten como obxectivo adaptalo ao seu papel de axente dinamizador da I+D+i en toda Galicia, e informouse aos membros do Consello da finalización do prazo de presentación de ofertas para as obras de ampliación da superficie do Parque.
Por outra banda, informouse do visto e prace concedido á instalación de tres novas empresas na Tecnópole, dúas relacionadas coa estética dental e outra dedicada aos servizos técnicos da enxeñaría territorial.
Esta última, que leva por nome Topolaser, é unha empresa relacionada cos servizos técnicos de enxeñería territorial, que dedicará o seu niño na Tecnópole a proxectos de I+D+i “para lograr desenvolvementos propios no eido da auditoría catastral e da obtención de datos territoriais de baixo custo mediante vehículos non tripulados, entre outros”, indicaron.

PUBLICIDADE