Samsung podería matar definitivamente ao Galaxy Note7

martes, 11 de outubro do 2016 Marcus Fernández

Onte comentamos que Samsung confirmou o cesamento da produción do Galaxy Note7, á vez que os distribuidores e operadores de todo o mundo deixaron de vendelo e de cambiar as anteriores unidades por unidades supostamente seguras, e agora medios como o The Wall Street Jounal e Bloomberg confirman que tras retirar o Galaxy Note7 do mercado descontinuará definitivamente o terminal, ou sexa, que non só completaría a retirada de 2,5 millóns de smartphones, senón que tiraría a toalla con ese modelo e incluso coméntase que podería matar definitivamente a marca Note para evitar os problemas de imaxe que poida arrastrar.
Son numerosas as fontes que apuntan a que Samsung debería reiniciar a súa liña de tabletófonos, aínda que non é algo moi complicado, xa que poderían engadir o lapis dixitalizador a un Galaxy S7 edge e simplemente engadirlle un apelido a unha serie de smartphones que mantén unhas boas vendas e non deu ningún problema incendiario.
Para deixar claro que Samsung está a demandar a retirada total dos Note7 incluso o seu casco de realidade virtual, Gear VR, sorprendeu eliminando o soporte do Note7, ou sexa, que se tentamos visualizar contidos envolventes introducindo o Note7 nun casco, o sistema indicará que non permite tal uso por motivos de seguridade, o que é un acto de prudencia moi razoable, xa que un incendio dun terminal a poucos centímetros dos ollos dun usuario podería ter graves consecuencias.
De feito, o consello actual de Samsung aos propietarios dun Note7 é que apague o smartphone e non o volvan prender, instándoos a solicitar o seu cambio por outro smartphone ou a devolución dos cartos. Sorprende ver o drásticos que están a ser dende Samsung tras uns movementos bastante dubitativos, pois agora, na páxina web dende a que os usuarios podían comprobar se o seu teléfono estaba afectado por unha batería defectuosa, ante a pregunta de “está ben que continúe a usar o meu Galaxy Note7?” responden “Non. Se tes un Galaxy Note7 podes apagalo e beneficiarte das solucións dispoñibles, que inclúen a devolución total dos cartos onde o adquirises”.
En España tamén está en marcha o programa de substitución do Galaxy Note7, aínda que cómpre lembrar que os únicos consumidores que recibiron o smartphone foron os que o reservaron na páxina web de Samsung antes do seu lanzamento, xa que non chegou a comercializarse por as canles habituais (tendas e operadores).

PUBLICIDADE