Novos incidentes co Galaxy Note7 poderían ter provocado a suspensión da súa produción

luns, 10 de outubro do 2016 Marcus Fernández

A semana pasada comentamos o caso dun avión que tivo que evacuarse por mor dun incidente cun Galaxy Note7, pero a cousa non rematou aí e durante os últimos días continuaron a xurdir incendios espontáneos de unidades de substitución do Note7 nos EE.UU., de xeito que como mínimo houbo tres incendios máis tras o do avión de Southwest: primeiro o venres, cunha rapaza de 13 anos de Minnesota, que veu como o smartphone incrementaba a súa temperatura mentres o tiña nas mans; logo un home de Virginia veu como o seu smartphone prendía lume na mesa do seu dormitorio; e logo en Houston (Texas) un home que estaba a xantar coa súa filla veu como o terminal se incendiaba. Teriamos así un mínimo de 5 incendios que saíron nos medios de comunicación nos que se confirmou que o móbil en cuestión sería dos considerados seguros por Samsung, o que levou ao operador AT&T a cancelar o programa de substitución dos Galaxy Note7, de xeito que aceptará devolucións do móbil, pero non entregaría unha unidade nova por non confiar na súa seguridade.

Así quedou a mesa do dormitorio dun home de Virginia tras o incendio do seu Galaxy Note7 de substitución

De feito, dende Corea xa informan do feito de que Samsung tería suspendido temporalmente a produción do Galaxy Note7, tras ver como as novas unidades continuaban a experimentar defectos na súa batería (de feito, tamén se terían rexistrado incendios coas novas unidades en Taiwán).
Tras esta cadea de infortunios xa hai voces que apuntan a que o Galaxy Note7, pese a ser un smartphone cunhas prestacións notables, podería ser un produto morto, xa que o público perdeu a confianza no mesmo, en boa medida pola falta de explicacións por parte de Samsung, xa que tampouco resulta doado de entender como é posible que non se producise ningún incidente cos Galaxy S7 e S7 edge e, en cambio, haxa ducias de incendios de terminais Note7, de xeito que en vez de falar dun defecto de fabricación podería haber fallos de deseño involucrados que non terían sido identificados, non parecendo moi razoable que se realice un programa de substitución para as unidades do programa de substitución anterior (principalmente porque os operadores e as tendas probablemente non queiran ter que soportar os gastos e problemas que o proceso conleva).
ACTUALIZACIÓN: Finalmente a propia Samsung confirmou o cesamento da produción do Galaxy Note7 e tamén chegan informacións de distribuidores españois anunciando que deixan de aceptar reservas do novo smartphone, que aínda non se podía adquirir con normalidade no noso territorio.

PUBLICIDADE