Samsung estrea os seus discos SSD de 64 Gb

martes, 11 de setembro do 2007 Marcus Fernández

Antes do verán moitos fabricantes estaban a anunciar os seus discos de memoria de estado sólido de 64 Gb que finalmente se converten nunha realidade, de xeito que hoxe Samsung comeza a pór no mercado os seus discos SSD de 2,5 polgadas e 64 Gb de capacidade, que veñen a ser os substitutos ideais para os discos duros nos portátiles, presentando un consumo moito menor e permitindo mesmo unha redución moi importante no ruído xerado polos equipos (xa que as memorias Flash non teñen motores coma os discos tradicionais).
Con 64 Gb xa se ten unha capacidade de almacenamento comparable á de moitos outros portátiles, pero para poder estar realmente á altura algún fabricante incluso permite a incorporación de dous discos SSD en serie para chegar a 128 Gb con esta tecnoloxía que promete converterse no futuro da informática portátil.
Ata o momento o único atranco que teñen para a súa comercialización dos discos SSD é o seu elevado prezo (pois un disco de 64 Gb pode incrementar o prezo dun equipo en 1.000 euros) pero estanse a converter no estándar nos subnotebook e UMPC, nos que se inclúen discos con capacidades máis reducidas (que teñen prezos moderados).

PUBLICIDADE