SanDisk presenta o seu disco SSD de 64 Gb

martes, 5 de xuño do 2007 Marcus Fernández

SanDisk presentou na feira Computex (que se celebra estes días en Taipei) o seu disco de estado sólido de 64 Gb, polo que duplicaría a capacidade habitual deses soportes e os achegaría a fabricantes de equipos portátiles de tamaño reducido, xa que se comercializarán en dous tamaños: 2,5 polgadas (o estándar dos portátiles actuais) e 1,8 polgadas (para equipos de tamaño aínda máis reducido).
Aínda que non é a primeira compañía en acadar este tipo de capacidades (xa se anuncian unidades de 256 Gb) si é unha das que ten uns prezos máis competitivos, polo que a presentación destes discos SSD por parte de SanDisk indicaría que a súa incorporación a equipos en produción masiva será unha realidade este ano, agardándose que antes de rematar o ano aparezan portátiles con este tipo de discos (que por outra banda tamén se consideran como a única tecnoloxía factible no caso dos UMPC) que destacan pola súa alta velocidade e baixo consumo.

PUBLICIDADE