Remata con éxito o concurso nas redes sociais lanzado por Arousa Norte para a promoción da comarca

mércores, 7 de novembro do 2012 Fernando Sarasketa

O concurso nas redes sociais lanzado pola Mancomunidade de Concellos de Arousa Norte, destinado a promover turisticamente o xeodestino Rías Baixas – Ría de Arousa, rematou a semana pasada cun importante seguimento. O certame, como avanzamos nesta web facendo fincapé na campaña que o orixinou, desenvolvéndose a través de mensaxes achegadas ás comunidades Facebook e Twitter (Que é #ArousaTurismo?, Precisamos que alguén nolo explique #etisábelo), cuestións que foron respondidas nas redes polos usuarios. A actividade tivo como resultado máis de 80 frases participantes e un claro alcance internacional, explican os seus responsábeis (os Concellos de Ribeira, Rianxo, Boiro e Pobra). A fin do concurso, sinala a Mancomunidade, dá paso agora ao #ArousaTurismo Blogweekend, un evento-xuntanza dirixido a profesionais do sector turístico. Ao encontro, por certo, están convidados os tres gañadores do concurso.
O #ArousaTurismo Blogweekend desenvolverase os vindeiros xoves 8 e venres 9 de novembro e contará coa participación de diversos blogueiros especializados no sector turístico, gastronómico e de viaxes con recoñecemento a nivel nacional. A organización do evento amosou a súa certeza en que esta acción constitúe a todas luces “un acontecemento turístico e cultural que presenta un enorme interese nos eidos local, autonómico e internacional”.
O desenvolvemento do certame
Tras seleccionar a través de dous castings aos habitantes que conformaron a campaña de comunicación do xeodestino Rías Baixas – Ría de Arousa, iniciouse un concurso nas principais redes sociais aberto á participación de todas aquelas persoas que quixeran explicarlle en detalle á Mancomunidade que era #ArousaTurismo. Logo de varias semanas de participación, rematou“con éxito” o dito concurso, que constitúe a segunda etapa da campaña de promoción do xeodestino Rías Baixas - Ría de Arousa levada a cabo pola Mancomunidade de Municipios Arousa Norte.
O balance
O certame tivo como resultado un elevado número de participantes. Das máis de 80 frases publicadas nos perfís de Facebook e Twitter de Arousa Norte polos usuarios da Internet, sinala a organización, “cada unha delas sorprendeu cun estilo diferente, curtas, longas ou incluso en verso, algunhas con humor e outras apelando aos sentimentos, ningunha defraudou”.
O alcance
A xuízo de Arousa Norte, o alcance da acción “superou con creces as expectativas, contando con participantes procedentes de distintos puntos de España e chegando incluso ao estranxeiro coas achegas dun usuario dende Milán, Italia”. Amais, engádese, houbo unha gran representación nacional, con participantes de Madrid, Barcelona, Valencia, Bilbao, Zaragoza ou Málaga, pero maior peso tivo a participación autonómica, con frases que chegaron dende A Coruña, Santiago, Ourense, Pontevedra, e a local, dende os municipios pertencentes ao xeodestino Rías Baixas - Ría de Arousa.
Gañadores e premio
A Mancomunidade escolmou as frases gañadoras pola súa pegada nas redes e pola capacidade de promoción turística do xeodestino, ofrecendo como premio un convite duplo para asistir ás accións programadas para o venres 9 en #ArousaTurismo Blogweekend. Os gañadores poderán aloxarse en vivendas rurais de Arousa Norte e coñecer a contorna arousá da man de profesionais do turismo, xornalistas e fotógrafos profesionais.
Engadir finalmente que o xeodestino Rías Baixas - Ría de de Arousa está formado polos seguintes 17 concellos: O Grove, Sanxenxo, Meaño, Meis, Cambados, Ribadumia, Vilanova de Arousa , A Illa de Arousa, Vilagarcía de Arousa, Catoira,Valga, Pontecesures, Dodro, Rianxo, Boiro, A Pobra do Caramiñal e Ribeira.

PUBLICIDADE