Arousa Norte achega unha campaña turística nas redes sociais dándolle voz á veciñanza

martes, 23 de outubro do 2012 Fernando Sarasketa

Arousa Norte, a mancomunidade integrada polos concellos de Rianxo, Ribeira, Boiro e Pobra do Caramiñal, segue adiante co seu traballo 2.0, logo de propostas tecnolóxicas vinculadas ao turismo como as súas rutas emocionais, as súas actividades sobre accesibilidade ou as experiencias levadas a cabo na web de seu na procura do máximo equilibrio entre deseño e utilidade. Agora a novidade reside nas redes sociais, onde a mancomunidade está a lanzar unha campaña publicitaria, de índole turística, que busca chegar a tódolos recantos da comunidade 2.0, incluída a parte da comunidade que está máis preta: a da veciñanza de Arousa Norte. De feito, son elas e eles mesmas/os as/os que están dando a coñecer os moitos elementos de interese da comarca.
A iniciativa deu comezo hai unhas semanas con dúas mensaxes achegadas ao Facebook e ao Twitter (Qué es #ArousaTurismo? y Necesitamos que alguien nos lo explique #ytúlosabes), cuestións que están a ser respondidas nas ditas redes polos usuarios locais. Noutra rede, no Flickr, a xeito de álbum de fotos, xa están dispoñíbeis pequenos anacos dos encontros e das entrevistas cos habitantes de Arousa falando en detalle dos seus currunchos preferidos.
A idea é tirar partido de todo o que se pon en xogo para subliñar os moitos motivos existentes para achegármonos á comarca: o emprazamento elixido para dar as respostas (espazos ligados ao mar de Arousa, á pesca tradicional, a riqueza patrimonial e paisaxística da contorna), a forma de dalas (do xeito máis directo e libre, sen formalismos) e as canles elixidas para dalas (redes sociais onde se multiplican en cuestión de segundos as opcións de chegar a multitudes). Ao parecer, a campaña xa deu resultado: en só 15 días dende a súa posta en marcha, o perfil de Arousa Norte en Facebook pasou de 2.794 a case 3.000 seareiros, e no de Twitter sumáronse cen novos seguidores.

PUBLICIDADE