Qualcomm presenta o modem 5G máis avanzado do mercado

martes, 19 de febreiro do 2019 Marcus Fernández

O primeiro modem 5G de Qualcomm data xa de 2016, e aínda que non é un produto con presenza comercial, xa conta cun sucesor, o modem 5G Qualcomm Snapdragon X55, que nun único chip soporta calquera combinación de bandas e modos (5G mmWave e sub-6 GHz, TDD e FDD, LTE e mesmo 3G e 2G) conseguindo unhas velocidades incribles en case calquera factor de forma.
Temos así un produto que servirá para dotar de 5G a smartphones pero tamén a dispositivos como routers, ordenadores, coches... contando cunha flexibilidade sen precedentes na súa comunicación e facilitando velocidades de até 7 Gbps de descarga e 3 Gbps de subida, que incorpora tal diversidade de tecnoloxías de comunicación que incluso é unha solución magnífica se o que queremos é aproveitar ao máximo as conexións 4G actuais (consegue velocidades de descarga de até 2,5 Gbps en redes LTE).
Este novo modem contribuirá claramente ao espallamento do 5G, aínda que non o veremos no mercado en produtos comerciais até finais de ano.

Vídeo promocional do modem 5G Snapdragon X55 de Qualcomm

PUBLICIDADE