Qualcomm anuncia o seu primeiro modem 5G

martes, 18 de outubro do 2016 Marcus Fernández

Por se non chegaba con anunciar que este mesmo ano teremos LTE a 1 Gbps, dende Qualcomm presentan hoxe o Snapdragon X50, que sería o primeiro modem 5G que teñen previsto distribuír entre fabricantes na segunda metade de 2017 para que chegue ao mercado ao longo de 2018, contribuíndo así á aceleración do vindeiro estándar de comunicacións móbiles.
Entre as vantaxes que contaría a nova xeración de comunicacións móbiles estaría o feito de permitir velocidades de descarga de até 5 Gbps, para o que tirarán proveito da banda de ondas milimétricas (mmWave) de 28 GHz en combinación con tecnoloxías avanzadas de procesamento de sinais.
Aínda que esta tecnoloxía de comunicacións parece deseñada para dispositivos sen fíos fixos, dende Qualcomm queren aproveitalo tamén para trebellos móbiles, polo que están a desenvolver técnicas que poidan superar as limitacións de mmWave, para o que é preciso controlar unha matriz de antenas para adaptarse a numerosos escenarios, aínda que destacando a compañía que nos casos nos que o 5G perdese completamente a cobertura teñen xa tecnoloxía LTE Gigabit que pode paliar os problemas de conectividade (para os que están a traballar en modos de funcionamento no que ambas conexións se puidesen manter simultaneamente para poder saltar entre as mesmas sen cortes).
Cómpre lembrar que, pese a que Qualcomm anuncie o seu modem Snapdragon X50, o estándar para as redes 5G aínda está a desenvolverse (con contribucións de Qualcomm), buscando o fabricante simplemente colocarse en primeira posición na liña de saída desta tecnoloxía que non prevén que sexa masiva até 2020.

Vídeo de presentación do model 5G Snapdragon X50

PUBLICIDADE