Primeira sentenza civil firme que considera que as páxinas web de descargas non vulneran a propiedade intelectual

mércores, 13 de xullo do 2011 Marcus Fernández

Nos últimos anos puidemos ver cómo numerosas sentencias xudiciais pola vía penal consideraba que as ligazóns a contidos en redes P2P non constituían delito, o que levou á SGAE a optar pola vía civil para atallar as descargas de Internet, o que parece estar a resultar igualmente pouco efectivo, xa que a sección 15ª do Xulgado Mercantil nº 6 de Barcelona vén de confirmar a sentenza absolutoria do propietario da páxina web Indice-web.com, demandado pola SGAE por violación de dereitos de propiedade intelectual.
O auto recolle que a apelación presentada pola SGAE «non cuestiona que o sitio demandado non aloxa os arquivos que son obxecto das chamadas descargas directas», ou sexa, que ao non cuestionarse que as descargas de contidos realízanse dende páxinas web distintas das denunciadas, os maxistrados non ven delito, polo que estariamos ante a primeira sentenza firme en vía civil ditada en España que declara que as páxinas de ligazóns a redes P2P ou páxinas web de descarga directa non infrinxen dereito algún de propiedade intelectual, o que podería pór en dúbida a polémica Lei Sinde, xa que permitiría o peche de páxinas web que segundo resolucións tanto penais como civís non infrinxirían os dereitos de propiedade intelectual.

PUBLICIDADE