Nova sentenza xudicial a favor dunha páxina web de P2P

mércores, 12 de maio do 2010 Marcus Fernández

O Xulgado do Mercantil nº 6 de Barcelona absolveu ao propietario da páxina web Indice-web.com demandado pola SGAE por unha posible violación de dereitos de propiedade intelectual tras asegurarse que en tal páxina «non se almacena ningún tipo de contidos audiovisuais» e que «nas redes P2P as transmisións realízanse entre usuarios da Rede e non intervén Indice-web en modo algún», xunto co feito de que os seus servizos son de balde.
O mesmo Xulgado xa rexeitara as medidas cautelares de peches solicitadas pola SGAE, e agora confirma na sentenza «o fondo do asunto, que non é outro de se unha ligazón vulnera ou non a propiedade intelectual», segundo comenta o avogado David Bravo no seu blog, dende o que dá conta desta sentenza que sumaríase a moitas outras na mesma liña, que non consideran que as ligazóns en páxinas web supoñan unha comunicación pública.

PUBLICIDADE