Presenza galega entre as firmas candidatas ao Premio Vivero de SIMO Network

xoves, 2 de setembro do 2010 Fernando Sarasketa

A feira SIMO, despois de estar a piques de esmorecer hai uns anos e dos folgos collidos logo a través da súa transformación en SIMO Network (máis ligada á rede e ao traballo na nube, tal como sinala o seu novo nome), segue a ser un escaparate tecnolóxico-dixital digno de ser tido en conta. Así o entenden as tres novas empresas galegas que aspiran este ano á quinta convocatoria do Premio Vivero que organizan o IFEMA e Fundetec ao abeiro da dita feira, a celebrar en Madrid entre o 5 e o 7 de outubro. Segundo nos conta Galicia Hoxe na súa web, a representación galega no devandito certame procede da Coruña (de onde son dúas das firmas) e de Santiago (de onde vén a restante). Estes e outros datos fóronlle achegados ao xornal galego pola propia Fundetec, quen por outra banda non quixo desvelar o nome concreto das nosas empresas aspirantes.
O obxectivo do premio é subministrarlles apoio ás compañías de alicerce tecnolóxico e que estean a levar a cabo unha tarefa de innovación que contribúa á súa propia mellora no mercado e á mellora do tecido produtivo estatal por enteiro. Amais das galegas, neste intre hai contabilizadas outras 31 candidaturas procedentes de 10 comunidades.
Cada unha das achegas será estudada polo miúdo por un xurado integrado por expertos TIC e do eido da innovación. Os gañadores disporán no IFEMA (instituto que dá acubillo á celebración física de SIMO) dun escaparate de presentación para os seus produtos. Entre os recoñecementos que inclúe o certame inclúese un galardón especial de 12.000 euros. Os nomes dos gañadores daranse a coñecer este venres 10 de setembro.

PUBLICIDADE