O SIMO volve a IFEMA tras un ano de paréntese

martes, 22 de setembro do 2009 Marcus Fernández

Microsoft aproveita a celebración de SIMO Network para presentar o seu Windows 7

Os pavillóns 7 e 9 do IFEMA acollen dende hoxe e ata o vindeiro xoves a feira tecnolóxica SIMO Network, que pretende recoller o relevo da desaparecida SIMO (ausente o ano pasado) cunha reformulación que buscaría adaptarse ás novas demandas do sector.
O encontro foi inaugurado esta mañá polo Príncipe Felipe, e contará coa participación de 309 empresas e numerosos relatorios, obradoiros e mesas redondas que tratarán temas como a tecnoloxía na empresa, a converxencia dixital e a mobilidade coma chave tecnolóxica, para o que contan con expertos principalmente españois.
Microsoft tamén aproveita a celebración deste foro para presentar en España o Windows 7, que sairá á venda en outubro, e que busca reconciliar ás empresa coa compañía de Redmond despois da mala aceptación de Windows Vista no contorno corporativo. Durante o evento ReMIX 2009 que Microsoft organiza este xoves dentro de SIMO Network, regalarán 6.000 exemplares do libro Tecnologías ASP.NET 4.0 (Saltando desde la versión 2.0) dirixido a programadores e elaborado pola editorial viguesa Krasis Press. Este libro tamén distribuirase durante a xira de presentación de Visual Studio 2010, que percorrerá toda España ata final de ano.

PUBLICIDADE