PREDIF e Vodafone buscarán en Compostela novos xeitos de facer cidades máis accesíbeis

xoves, 27 de marzo do 2014 Fernando Sarasketa

A aplicación de turismo accesíbel Tur4all

A plataforma PREDIF, da que falamos recentemente para salientar os seus traballos desenvolvidos con Vodafone para facilitar estadías e viaxes á medida de tódolos cidadáns (con independencia das súas características físicas), segue adiante co seu compromiso de accesibilidade levándoo, estendéndoo, a tódolos recantos xeográficos estatal máis potencialmente susceptíbeis de recibir viaxeiros. Por exemplo, Santiago de Compostela. A capital galega, sen ir máis lonxe, será a sede dun novo curso sobre a cuestión: a actividade Turismo accesíbel e atención ao público con discapacidade e outras necesidades diversas. Este curso, a celebrar os días 3 e 4 de abril, é o terceiro dun programa de trece accións formativas do Grupo Cidades Patrimonio de Humanidade. Organiza PREDIF e colabora Vodafone.
O obxectivo é tirar abaixo barreiras e perfeccionar a atención ofrecida ás persoas con diversidades funcionais nos establecementos e destinos turísticos do grupo. A cita de Compostela desenvolverase no edificio CERSIA en San Lázaro. O resto dos cursos celebraranse, até o mes de maio, en Tarragona, Alcalá de Henares, Ávila, Córdoba, Cuenca, Eivissa, Mérida, Salamanca, San Cristóbal de la Laguna e Toledo. Estas actividades son de balde grazas á colaboración do Ministerio de Educación e están dirixidas a profesionais do sector turístico, estudantes de Turismo e técnicos dos concellos das Cidades Patrimonio da Humanidade en España. A finalidade, como dixemos, é “perfeccionar a atención ofrecida aos ditos colectivos en establecementos e destinos turísticos, así como ofrecer ferramentas tecnolóxicas para auto-diagnosticar a accesibilidade dos establecementos turísticos, xestionar o seu mantemento e pór en marcha actuacións de mellora”.
Lembrar que Grupo de Cidades Patrimonio ten como un dos seus cometidos actuais a elaboración de guías para favorecer turismo sen barreiras en relación ás urbes que representa e as súas contornas. Os datos destas guías incluiranse nas ferramentas tecnolóxicas de turismo accesíbel desenvolvidas por PREDIF e a Fundación Vodafone España: a aplicación móbil TUR4all, o Xeoportal de Turismo Accesíbel para Todos e a capa Layar Mobile TUR4all de realidade aumentada.
O devandito Grupo é unha asociación sen arela de lucro creada en 1993cuxo obxectivo é actuar de maneira conxunta na defensa do patrimonio cultural e na promoción turística das 13 cidades que forman a rede, cuxos centros históricos foron recoñecidos pola UNESCO como Patrimonio da Humanidade: Alcalá de Henares, Ávila, Cáceres, Córdoba, Cuenca, Eivissa/Eivissa, Mérida, Salamanca, San Cristóbal de la Laguna, Santiago de Compostela, Segovia, Tarragona e Toledo.
PREDIF, a Plataforma Representativa Estatal de Persoas con Discapacidade Física, é unha entidade sen ánimo de lucro de ámbito estatal, declarada de utilidade pública, que representa, realiza programas e promove accións a favor de case 40.000 persoas que teñen diversidades funcionais.

PUBLICIDADE