Vodafone, PREDIF e o Real Padroado sobre Discapacidade organizan un curso en Compostela a prol do turismo accesíbel

luns, 30 de setembro do 2013 Redacción

Será a partir de mañá -1 de outubro- e até o 2 do mesmo mes cando Compostela acolla un curso sobre turismo accesíbel e atención a clientes con discapacidade organizado pola Plataforma Representativa Estatal de Persoas con Gran Discapacidade Física (PREDIF), estando inserido no convenio acordado entre a dita plataforma, a Fundación Vodafone España e o Real Padroado sobre Discapacidade. Cómpre dicir que esta actividade levarase a cabo no Centro Superior de Hostalaría de Galicia (estrada de Santiago-Noia; quilómetro 1) tendo como finalidade a de perfeccionar a atención achegada ás persoas con diversidade funcional e motriz nos establecementos e destinos turísticos de Galicia.
O curso -Turismo accesíbel e atención ao cliente con diversidades funcionais ou outras necesidades diversas- tamén servirá para ofrecer ferramentas de tipo tecnolóxico de cara a auto-diagnosticar a accesibilidade dos establecementos turísticos, xestionar o seu mantemento e pór en marcha actuacións de mellora. Esta proposta está encamiñada a estudantes das titulacións de Turismo (ou outras carreiras relacionadas), a profesionais do sector turístico das administracións públicas locais e empresas turísticas locais.
Informar que a inauguración do curso será ás 9:45 horas e contará coa presenza da directora xerente de Turgalicia, Carmen Pita; a directora técnica de PREDIF, Tatiana Alemán, e o membro da xunta directiva de Aspaym Galicia, Francisco Vieites. Asemade, o mércores día 2 celebrarase unha mesa redonda na que se exporán distintos casos de boas prácticas de turismo accesíbel en España. Na mesma participarán o director do Parador Nacional de Santiago, Julio Castro; o xefe da Área de Xestión de Calidade de Turgalicia, Enrique Pérez, e o responsábel do Departamento Vacacional de Viaxes 2000, Emilio Martínez.
Os oito cursos serán impartidos durante este ano en distintas cidades de España en colaboración con universidades locais que conten coa titulación de Turismo e con administracións públicas responsábeis de Turismo e Cultura, así como coas empresas públicas e privadas do eido turístico.<br

PUBLICIDADE