Os procesadores Intel de 11ª xeración de escritorio non chegarán até marzo

xoves, 8 de outubro do 2020 Marcus Fernández

Estar ao día das xeracións de procesadores de Intel pode resultar bastante confuso, xa que actualmente xa temos no mercado equipos portátiles con procesadores Intel Core de 11ª xeración mentres que en equipos de escritorio aínda non hai previsión para a chegada dos novos procesadores, aínda que agora xa apuntan a que os procesadores Rocket Lake de 11ª xeración verán a luz no primeiro trimestre de 2021 incluíndo soporte de PCIe 4.0, chegando incluso a detallarse que este lanzamento tería lugar en marzo.
Coméntase que os procesadores Rocket Lake S estarían producidos con tecnoloxía de fabricación de 14 nanómetros, en vez de dar o salto aos 10 ou 7 nanómetros, probablemente por non estar o suficientemente maduros estes procesos de fabricación como para conseguir un bo rendemento e elevadas velocidades de reloxo, algo crucial nos equipos de sobremesa.
O anuncio da data da nova xeración de procesadores de sobremesa de Intel non parece que se realice agora de xeito casual, xa que hoxe mesmo AMD presentará os novos procesadores Ryzen con arquitectura Zen 3, que previsiblemente colocaranse nunha posición líder en potencia para xogos e creación de contidos ante o adiamento dos procesadores de Intel, que teñen cada vez máis difícil estar á altura da competencia, especialmente se engadimos á ecuación o factor prezo, xa que as solucións baseadas en tecnoloxía de AMD teñen prezos moito máis axustados e contan co aval de ser a opción adoptada polas consolas de videoxogos de nova xeración, argumento que convence a moitos consumidores á hora de decidirse por alternativas a Intel.

PUBLICIDADE