Os procesadores Intel Core de 11ª xeración xa son unha realidade en portátiles

mércores, 2 de setembro do 2020 Marcus Fernández

Os ordenadores portátiles dos vindeiros meses poderán dar un salto en prestacións grazas aos novos procesadores Intel Core que estrean a súa 11ª xeración, o que supón o aproveitamento do redeseño da arquitectura de núcleos e das melloras na tecnoloxía de procesos de Intel, aínda que probablemente o elemento que máis impactará no resultado final será a nova arquitectura de gráficos X, os gráficos integrados Intel Iris Xe, que supoñen un importante salto neste apartado.
Os procesadores Intel Core de 11ª xeración, tamén coñecidos como Tiger Lake, son os máis potentes do mundo para portátiles delgados e lixeiros, abrindo novas capacidades para a produtividade, a colaboración, a creación, os xogos e o lecer en equipos portátiles con Windows 10 e ChromeOS; e para que o usuario saiba cando un equipo goza das bondades desta nova tecnoloxía, crearon o selo Intel Evo, que identificará os portátiles verificados por Intel para salientar o seu bo deseño, confiando en que este mesmo ano cheguen a lanzarse máis de 20 equipos con esta certificación.
Os equipos co selo Intel Evo deberán cumprir certas condicións, como ter unha resposta consistente da súa batería, poder saír do estado de repouso en menos dun segundo, ter unha autonomía real mínima de 9 horas en equipos con pantallas Full HD e contar con carga rápida que permita até 4 horas de autonomía con só 30 minutos de carga en equipos con pantallas Full HD. Tamén integrarán Thunderbolt 4, WiFi 6 e son, webcams e pantallas de calidade.
Esta nova xeración de procesadores e gráficas integradas de Intel supoñen unha mellora en traballos de produtividade de máis dun 20%, mentres que en labores de xeración de contido o rendemento pode chegar a multiplicarse por 2 e case por 3, á vez que tamén contan con soporte para pantallas 8K con HDR e até 4 pantallas 4K con HDR simultáneas. Nos xogos tamén conseguiría multiplicar por 2 ou rendemento, o que fai que xogar en equipos lixeiros e delgados sexa unha realidade cada vez máis presente.

Vídeo de presentación dos procesadores Intel Core de 11ª xeración

PUBLICIDADE