Os internautas teñen cada vez máis problemas para identificar as novas fiables

mércores, 2 de setembro do 2009 Fernando Sarasketa

A información chega dende todas as frontes e respondendo a múltiples intereses, polo que o principio de dúbida sobre a veracidade do que se nos conta tería que estar, arestora, máis vixente que nunca. Isto que é aplicable aos medios de comunicación tradicionais, que con contadas excepcións soen mentir (conscientemente ou non) en case todas as súas páxinas, tamén o é ás canles en liña de todo tipo, aos blogs, ás redes sociais, aos correos que nos chegan e, como non, ao mensaxes de texto que van dar ao noso móbil falándonos de premios e amizades inexistentes. A cousa enléase, sobre todo porque os autores dos textos falsos son tamén comunicadores profesionais ou ben adoptan o estilo e as formas de traballo destes comunicadores. Para a Asociación de Internautas, hai unha realidade fóra de dúbida: cada vez costa máis diferenciar a ovella do lobo.
De feito, sostén, arestora podemos dicir que ao 70% dos usuarios da Rede lles costa identificar unha nova fiable de entre tanto lixo informativo.
E a tendencia é ao medre, sobre todo se temos en conta que o ano pasado, por estas mesmas datas e con motivo do mesmo estudo, a porcentaxe en cuestión andaba dez puntos por debaixo.
Na mesma investigación do colectivo de internautas tamén se informa que a práctica totalidade dos internautas usa Internet para procurar información, sendo a Rede unha plataforma inmellorable para darlla. Con todo, este afianzamento progresivo da Rede como fonte de coñecemento pode verse obstaculizado pola práctica cada vez máis estendida de espallar bulos, ou, para entendérmonos, novas supostamente reais (que veñen revestidas de todas as características dunha nova real) que teñen a finalidade consciente de difamar ou crear polémica e que logo son recollidas por medios xerais que as dan por verdadeiras e as difunden. O problema, con todo, non é novo: sempre houbo xente dedicada a este traballo de confundir aos xornalistas, a clave está agora e máis que nunca na propagación da técnica do “curta e pega”, que fai que as redaccións se convertan en simples equipos de transmisión de datos, sen máis.
Volvendo ao estudo, dicir que un terzo dos 3.129 internautas enquisados considera que o mellor xeito de saber se o que teñen diante é unha nova falsa ou non é ver se a fonte da información está identificada. Outro 21% cre que a solución está en incluír os datos dun estudo dunha fonte mencionada.
Para a Asociación de Internautas, a cousa está clara: a mellor maneira de localizar este tipo de informacións é ver se teñen data de publicación e a que tempo concreto se refiren. Se o texto non ten data, é moi atemporal, é anónimo e non ten fontes, entón temos moitas posibilidades de estarmos perante un bulo. Se ademais o texto inclúe un reclamo para captar a nosa atención (algo vinculado ao morbo, a violencia, o sexo ou os cartos), entón xa case non haberá dúbida algunha.
Na imaxe, a ilustración dunha nova falsa relativamente recente na que se falaba dunha nova medida de seguridade da compañía Microsoft consistente en converter en negro as pantallas dos usuarios de copias ilegais dos seus produtos. Finalmente, demostrouse que a empresa non tiña pensado nada semellante.

PUBLICIDADE