O novo sistema anti-piratería de Windows Vista é un bulo

luns, 17 de setembro do 2007 Marcus Fernández

Durante os últimos días está a circular por correo electrónico, blogs e mesmo medios de comunicación supostamente serios unha nova na que se fala de que nos vindeiros días os usuarios que teñan unha copia pirata do Windows Vista terán que facer fronte á pantalla negra da escuridade (Black Screen Of Darkness, que conservaría as iniciais do pantallazo azul ou Blue Screen Of Death) e que sería unha nova medida de seguridade activada por Microsoft para evitar as copias ilegais dos seus produtos.
Os síntomas desta nova protección serían as seguintes:

  • aparición dunha pantalla negra tras unha hora de navegación (un pantalllazo negro)
  • desactivación do menú de inicio e a barra de tarefas
  • ocultación do escritorio do equipo

Esta información resulta ser un bulo, ou sexa, non existe tal nova protección do sistema, aínda que está inspirada no sistema de activación de Windows Vista, que fai que as copias que non se activen axeitadamente entren nun modo de funcionalidade reducida, polo que o rumor indicaría que tal modo se activaría por defecto nos equipos piratas, o que é totalmente falso. Microsoft tivo que aclarar que non realizara ningún cambio no seu sistema de activación de Vista, demostrando unha vez máis a facilidade coa que novas sen contrastar aparecen en prensa de todo o mundo difundindo falsidades coma informacións verídicas.

PUBLICIDADE