Os grupos de WhatsApp permiten que só os administradores poidan publicar mensaxes

luns, 2 de xullo do 2018 Marcus Fernández

Continúan as melloras para os grupos de WhatsApp, e tras incorporar descricións e máis controis de administrador, chega agora outra funcionalidade prometida: a posibilidade de limitar o envío de mensaxes aos administradores.
Esta nova prestación á que podemos ter acceso a través da configuración dos grupo, permite elixir entre a configuración predeterminada (que calquera participante poida publicar nun grupo) ou limitar o envío de mensaxes aos administradores (lembremos que o creador dun grupo pode nomear múltiples administradores) o que permite que os grupos poidan converterse practicamente en canles de comunicación unidireccionais, o que pode resultar práctico para a recepción de comunicacións ou novas, evitando así a molestia de que calquera usuario empregue o grupo para remitir mensaxes fóra do obxectivo do grupo.
A nova configuración dos grupos de WhatsApp pode lembrarnos ao que acontece coas listaxes de distribución por correo electrónico, das que tanto poden ser foros de discusión como ferramentas para a distribución de boletíns informativos. Agora WhatsApp pode replicar este comportamento, aínda que antes do seu uso intensivo para tal finalidade cómpre lembrar que unha das características propias dos grupos de WhatsApp é que os participantes poden acceder á listaxe de membros do grupo, o que pode provocar grandes problemas no ámbito da protección de datos (ou sexa, que os grupos deberían limitarse a ámbitos moi reducidos e controlados para evitar serias responsabilidades por parte dos administradores).

PUBLICIDADE