Os enxeñeiros técnicos en Informática reciben o pulo de AMTEGA para as súas accións sobre Rede segura ou informática xudicial

venres, 15 de marzo do 2013 Redacción

O presidente do CPETIG, Marcos Mata

Os nosos enxeñeiros técnicos en Informática uniron forzas (unha vez máis) coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para a realización de actividades de divulgación encamiñadas a combater os ciberdelitos, a fomentar un emprego racional da Rede e a informar polo miúdo do potencial das TIC para determinadas áreas de investigación policial. Así o deron a coñecer este venres o presidente do CPETIG, Marcos Mata, e máis a directora da axencia AMTEGA, Mar Pereira, e así se recolle no convenio asinado entre ámbalas partes, un acordo que significará, entre outras cousas, a achega ao colexio de enxeñeiros técnicos de 34.000 euros para a organización e desenvolvemento das devanditas actuacións.
Entre estas, inclúese a terceira edición das Xornadas de Informática Xudicial e Delitos Informáticos, uns encontros dos que temos falado en Código Cero, salientando o número de participantes ou os obxectivos (informar e concienciar aos xuristas dos avances en materia probatoria nos casos en que entre en xogo o elemento informático). En virtude destas xuntanzas, os profesionais do ámbito xudicial galego (maxistrados, xuíces, avogados, fiscais ou peritos) poderán asistir a relatorios de expertos sobre os últimos avances e ferramentas na investigación dos delitos informáticos así como á presentación de casos concretos.
O convenio prevé tamén a celebración dun curso de peritaxe para formar aos actuais e futuros enxeñeiros técnicos en informática nas últimas técnicas de análise forense e práctica pericial e informalos sobre a última normativa legal relacionada co eido da informática. O obxectivo do curso é que os asistentes coñezan as diferentes técnicas específicas da análise forense dixital para poder actuar como peritos en casos concretos.
Segundo informaron Marcos Mata e Mar Pereira, as actividades formativas do CPETIG non se restrinxen unicamente aos profesionais. Por este motivo, no marco do convenio está previsto un ciclo de sete xornadas nas grandes cidades galegas sobre Os menores e o uso seguro das redes sociais. Segundo fixeron saber, están dirixidas a pais, nais e titores para informalos do bo uso que se pode facer de internet e das redes sociais “coñecendo de antemán as posibles ameazas, como previlas e as ferramentas coas que contan para facelo”.
A maiores, o acordo dá acubillo a unha cuarta actividade: un obradoiro de emprendemento encamiñado aos profesionais que desexen realizar actividades por conta propia. “Os participantes recibirán información sobre os trámites, xestións e actuacións para cumprir as esixencias mercantís, fiscais, laborais, de protección de datos, de ordenamento municipal e os aspectos de financiamento básicos para inicias a súa actividade”,

PUBLICIDADE