Os empresarios de Mos salientan as capacidades da fibra óptica que R subministra no concello

venres, 13 de febreiro do 2015 Redacción

Test de velocidade nunha empresa emprazada en Puxeiros

A achega de fibra óptica avanzada do operador galego R nas áreas industriais de Mos xa comeza a ter efectos visíbeis e salientábeis. Así nolo contou esta semana a Asociación de Empresarios de Mos (AEMOS), cuxos técnicos veñen de comprobar de primeira man “a mellora dos servizos de telecomunicacións nas diferentes zonas industriais”. Segundo apuntan fontes da entidade, a infraestrutura de R beneficiará a todos os cidadáns en xeral, máis aínda logo de que os técnicos verificaran in situ, tralos test de velocidade realizados sobre a base da fibra óptica instalada, a obtención de 100 Mbps de baixada e 10 de suba reais. A xuízo de Francisco Domínguez, xerente de AEMOS, estamos perante “un fito das comunicacións en Mos”. Segundo apunta, se se comparan as velocidades actuais coas anteriores, verase que as presentes resultan astronómicas.
“Dende a asociación”, engadiu, “estamos satisfeitos do arduo traballo realizado, un traballo logo de tentativas erradas e promesas incumpridas que finalmente empraza aos empresarios locais en situación de competir en igualdade de condicións cos de calquera outro concello, vila ou cidade en canto a sistemas de telecomunicacións se refire”. Ao seu xuízo, ter hoxe en día un acceso de calidade é, de feito, “unha cuestión primordial”. Domínguez tamén salientou o feito de que a fibra óptica e as súas posibilidades estean ao alcance de toda a sociedade en xeral, “pois o feito de que se instale esta infraestrutura dá opción a que calquera cidadán que teña a súa vivenda nestas zonas poida tamén beneficiarse da alta velocidade”.
Para o presidente de AEMOS, José Mañas, a constatación das ditas capacidades de acceso á Rede poñen ao concello pontevedrés e ás súas empresas e cidadanía plenamente no século XXI, “ao dispor da tecnoloxía máis vangardista e punteira neste ámbito grazas ao convenio subscrito entre a asociación e a operadora R para instalar fibra óptica no municipio”.
Lembrar que a compañía está a traballar arestora nas zonas industriais de Mos e estímase que serán máis de 300 as empresas beneficiarias, asentadas todas nunha área xeográfica importante dentro do concello: Rebullón, Puxeiros, Portela, Montefaquiña e o PEMOS da Veigadaña, que aínda sendo un parque industrial novo carecía de despregamento desta infraestrutura. Segundo apuntan dende a devandita asociación, esta atópase en “continua comunicación” con R, achegándolle á operadora información en detalle de cada empresa que manifestou o seu interese para obter unha solución con respecto ao seu asentamento e a infraestrutura asociada. A asociación tamén lembra que o convenio subscrito con R contempla descontos en tarifa importantes.

PUBLICIDADE