R leva a fibra óptica á zona industrial de Mos

venres, 9 de xaneiro do 2015 Redacción

A Asociación de Empresarios de Mos (AEMOS) vén de anunciar que os membros do tecido empresarial do concello pontevedrés contarán a partir de agora coas vantaxes da fibra óptica a través da operadora de telefonía R. Cómpre sinalar que o acordo entre José Mañas (presidente de AEMOS) e Arturo Dopico (Conselleiro Delegado de R) foi resultado de oito meses de encontros e entrevistas con responsábeis da operadora galega, onde se trataron temas como o déficit nos sistemas de telecomunicación que presentan as zonas industriais de Mos con respecto á tipoloxía e grande volume de empresas asentadas no lugar. Como resultado beneficiaranse máis de 300 empresas do concello situadas en: Rebullón, Puxeiros, Portela, Montefaquiña e o PEMOS da Veigadaña.
Deste xeito, as ditas empresas contarán con fibra de alta calidade, 100 Mbps de baixada e 10 de suba.
Segundo informa a Asociación de Empresarios, “con este pacto entre a operadora R e AEMOS péchase unha problemática que xa duraba anos, un longo tempo de denuncias e peticións a distintas operadoras, constantes e continuos fallos de conectividade por mor dunha infraestrutura obsoleta”.
A xeito de curiosidade, sinalar que Mos figura no 4º posto da listaxe de maior facturación da provincia de Pontevedra. O progresivo asentamento de empresas que experimentou o concello ao longo das dúas últimas décadas, non levou parello a creación de servizos á altura das necesidades empresariais neste eido, “o que minguou a súa competitividade con respecto a empresas asentadas noutras demarcacións”, engade a asociación.

PUBLICIDADE