Os emprendedores de Galicia Open Future participan nunha xornada de networking con Wayra e Amérigo
xoves, 23 de outubro do 2014
Galicia
Open Future, o centro de emprendemento posto en marcha por
Telefónica na Cidade da Cultura de Santiago, é xa unha realidade. E
tanto que é así: acubilla a día de hoxe a
presenza de medio centenar de proxectos comandados e impulsados por
máis de 100 novos profesionais da nosa terra, e todo indica que
haberá máis edicións da aceleradora galega. Para dar a coñecer os
pasos dados nesta primeira convocatoria (que botou a camiñar
oficialmente en setembro), este venres celebrarase no Gaiás (Cidade
da Cultura) unha
xornada de networking cos emprendedores implicados na
iniciativa, e na que contarán (a partir das 9.30 horas) con
relatores de renome no eido do emprendemento estatal e internacional,
como o CEO de Wayra, a aceleradora de start-up de Telefónica,
Gonzalo Martín Villa, e o fundador e xestor de Fondos Amérigo, o
grupo de fondos de investimento tecnolóxicos creado por Telefónica,
Aquilino Peña.
O director de Telefónica
en Galicia, Manuel Alonso, estará tamén presente no acto para
coñecer de primeira man (e de boca dos emprendedores) as
características e os avances logrados por cada un dos cincuenta
proxectos seleccionados nestas primeiras semanas de traballo dentro
de Galicia Open Future. Durante a sesión, os líderes das ditas
iniciativas terán a oportunidade de coñecer os atrancos aos que
terán que enfrontarse nas distintas fases do seu percorrido
empresarial. Nesta liña, Martín Villa trasladaralles “as claves
que toda start-up debe ter en conta para superar con éxito a
súa etapa inicial” e os recursos que poden ter ao seu alcance no
mercado para logralo; mentres que Aquilino Peña, pola súa banda,
centrará a súa intervención noutro dos aspectos vitais para a
supervivencia de calquera proxecto, o investimento.
Segundo informa a
operadora, “ambos participarán xunto aos emprendedores nunha
dinámica de elevator pitch, unha técnica moi estendida para
presentar proxectos de emprendemento ante posíbeis clientes ou
investidores e cuxo principal obxectivo é captar a súa atención en
poucos minutos, expondo de maneira clara obxectivos e estratexias, e
amosando a viabilidade do negocio”. A xuntanza, engade Telefónica,
servirá aos emprendedores para “adquirir experiencia neste tipo de
presentacións, detectar posibles dificultades, introducir melloras e
resolver dúbidas”.
Lembrar que Galicia Open
Future funciona xa de forma efectiva desde mediados de setembro nas
súas instalacións do Gaiás. Traballan alí máis 100 persoas
pertencentes aos 50 proxectos seleccionados para esta primeira fase,
elixidos entre os máis de 130 que se presentaron á convocatoria. A
maioría dos proxectos procede de Vigo e A Coruña, seguidos de
Santiago de Compostela, e presentan diferentes graos de maduración
(idea, semente, prototipo, piloto ou lanzamento). Céntranse en
sectores como o tecnolóxico aplicados a distintos ámbitos
(marítimo-pesqueiro, agricultura, enerxía), Cidades Intelixentes,
lecer, cultura, saúde, educación e turismo, e algúns xurdiron en
universidades e centros tecnolóxicos de Galicia.
Galicia Open Future é un
proxecto impulsado por Telefónica -que investirá no seu
funcionamento preto do millón de euros anuais- en colaboración coa
Xunta de Galicia a través da Axencia para a Modernización
Tecnolóxica de Galicia, AMTEGA. Os 50 proxectos seleccionados
recibirán unha axuda, achegada pola Axencia Galega de Innovación,
de 2.000 euros. Unha vez superada a primeira fase, os proxectos xa
evolucionados poderán optar a outra achega de 25.000 euros, que
deberá destinarse ao desenvolvemento do propio proxecto. Ademais, as
iniciativas que consigan esta segunda axuda poderán ter a
posibilidade de acceder a un préstamo reembolsábel doutros 25.000
euros.